Os Santos Inocentes traen a sétima vitoria obradoirista


Crecer, crer e traballar, conxugando estes verbos resumía Moncho Fernández as claves que levaron ao Obradoiro a conseguir a súa sétima vitoria, 78-57 ante Estudantes, este sábado en Santiago. Partido moi físico onde as defensas levaron o protagonismo do encontro. Tanto os composteláns como os madrileños se fajaron en defensa con intensidade e dureza. Cada balón en ataque era un suplicio para quen o realizaba e na devandita tesitura, Obradoiro foi capaz de entender o que o partido esixía mellor, para adaptarse antes e acabar gañándoo.

Empezaba o encontro cun Fontes do Sar cheo ata a bandeira, case 6000 persoas, cun Muidiño de inicio atronador, presaxiando que a afección, como sempre, ía xogar o seu particular partido. E así o fixo, cando os constantes cambios de criterio do trío arbitral poñían a proba a calma do afeccionado obradoirista, chegando a desquicialo nalgúns momentos. Sorprendía da noite para o día a intensidade física e a defensa do conxunto colexial, 0-7 de parcial de saída, con boas mans, control de liñas de pase e bos uns contra un. Contrarrestado polo cadro galego cando entendeu a que había que xogar. Pasouse entón ao 9-7 local no minuto 6.

O estudantil Abramovic tomaba protagonismo e empuxaba aos visitantes. Obradoiro aguantaba e acababa o primeiro cuarto con táboas no electrónico, 16-16. O segundo cuarto converteuse no feudo particular do MVP de onte sábado, Vladimir Brodziansky (20 puntos, 6 rebotes e 1 asistencia, para asinar 18 unidades en valoración) dominando a pintura, para leva á Obra para dobrar os puntos locais deste cuarto para cos do Instituto Ramiro de Maeztu, 16-8, para finalizar, camiño de vestiarios con 32-24. Co terceiro cuarto chegou o festival desde a liña de 3 puntos. Anotaban tres triplos rapidamente Czerapowicz, Muñoz e Brodziansky, quen engadiu aos seus puntos na zona visitante unha magnífica porcentaxe de 3/5 en triplos. Tamén Magee uniuse á festa con 2 triplos para acabar o cuarto. A pesar de todo, o equipo compostelán non mataba o partido. Obradoiro defendía ben pero concedeu varias segundas oportunidades, a máis diso perder a batalla do rebote, onde os madrileños capturaron 43 por 37 santiagueses. 53-39 no minuto 30.

Restaba un cuarto e os números reflectían o poder defensivo despregado no encontro. Último cuarto e Estudantes seguía sufrindo moito para anotar. Tamén lle estaba custando ao Obra e así, Abramovic poñía o 60-52 no minuto 34, acendendo as alarmas dunha parroquia local afeita a sufrir en cada encontro. Ben acompañado por un gran Arteaga (11 puntos e 10 rebotes cunha valoración de 18) quen foi o mellor do cadro visitante. Pero aí acabou todo, o Obra mostrouse consistente e non deixo minguar a súa renda. Era o momento de Kravic, quen contou coa axuda de Czerapowicz e Magee. Ademais da excepcional batuta na dirección de Pozas, intelixente e sabendo marcar o ritmo necesario a cada momento.

O adestrador compostelán tivo o detalle de sentalo co partido sentenciado para recibir a atronadora ovación dun Fontes do Sar entregado á causa, xubiloso e por fin, tranquilo. Anotaba Obradoiro 18 puntos nos últimos 6 minutos e aos de Aleksander Dzikic non lle quedaba outra que fincar o xeonllo no parquet galego, non sen antes pelexalo cunha boa defensa, pero con malas decisións e porcentaxes en ataque. Todo iso cimentado na magnífica defensa galega, a cal, brillaba de forma sobresaliente Sétima vitoria e o Obradoiro que se instala na clase media da liga ACB.

Tres vitorias por encima das 4 que marcan o descenso e con poucas, pero algunhas opcións de entrar na Copa do Rey, onde o basket average e o feito de que Unicaja, entre seguro como anfitrión, condicionan excesivamente dita posibilidade. Precisamente será o equipo malagueño o próximo en recibir a Obradoiro. Sábado 4 de xaneiro ás 18 h, unha boa oportunidade de empezar ben o ano e confirmar este magnífico fin de 2019. Ademais de apurar opcións ata o final da primeira volta, que sería despois de Málaga, esta vez en casa, ante Burgos.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO