Os sindicatos de Ryanair convocan 12 días máis de folga en xullo


Nun comunicado, os sindicatos convocantes USO e Sitcpla anuncian novas xornadas de paros os días 12, 13, 14, 15, 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de xullo nos dez aeroportos españois nos que opera Ryanair: Madrid, Málaga, Sevilla, Alacante, Valencia, Barcelona, Xirona, Santiago de Compostela, Eivissa e Palma de Mallorca. Os sindicatos e tripulantes de Ryanair explican que, desta forma, volven protestar e reclaman á aerolínea “un cambio de actitude” para que volva retomar a negociación dun convenio colectivo “que recolla unhas condicións laborais dignas e baixo a lexislación española para os seus traballadores”. En declaracións aos medios, a secretaria xeral de USO en Ryanair, Lida Arasanz, asegurou que os sindicatos “víronse obrigados” a volver a convocar novas xornadas de paro despois dos seis días de folga que xeraron ata o de agora 200 cancelacións e case mil atrasos en todo o país.