Os traballadores da TVG protestan contra a ‘basta manipulación informativa’

1 minutes read

O pasado martes 9 de xaneiro, o Telexornal do mediodía da TVG dedicou os primeiros 18 minutos á crise dos pellets, repartidos en once pezas. Só un día antes, no mesmo espazo, houbo que esperar máis de media hora para a primeira —e única— noticia sobre o tema, de apenas dous minutos. Coincidindo coa elevación do nivel de alerta por parte da Xunta para poder recibir axuda estatal, o principal programa informativo da televisión pública deu un xiro na cobertura da vertedura que afecta a costa galega desde hai case un mes.

Os sindicatos e o colectivo Defende a Galega -que este venres cumpre o seu venres negro número 295 contra a manipulación- denunciaron o tratamento ofrecido nos informativos onde, durante os primeiros días de chegada de plásticos ás praias, as noticias relegábanse ata o minuto 31 ou o 33 dos telexornais e ofrecíase só a versión do executivo autonómico, “sen dar voz ao sector pesqueiro, o Goberno ou as asociacións ecoloxistas”.

Este xoves máis de medio centenar de traballadoras e traballadores reclamaron a dimisión do director xeneral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. «Xubilación total para o director xeneral», clamou o persoal mobilizado, que berrou consignas tamén como «queremos informar e non manipular» ou mensaxes ao presidente da Xunta: «Rueda atende, a tele non se vende». Tamén en carteis onde se pedía ao xefe do Executivo galego que «saque a man da CRTVG» ou con críticas aos xestores, cualificados como «opresores».