Ourense estuda a posibilidade de cobrar para acceder ás zonas termais

1 minutes read

A posibilidade de que haxa que pagar unha entrada para utilizar as termas en Ourense esperta multitude de opinións entre os seus usuarios. Dende os que rexeitan pagar por un servizo que sempre foi público e gratuíto, ata os que entenden que sería razoable aboar unha entrada, iso si, simbólica, coa que contribuír ao mantemento das instalacións. O Concello achegou a idea, polo de agora como unha posibilidade, con vistas a un futuro.

Dende o seu inicio as zonas termais de Ourense, salvo os balnearios, sempre foron gratuítas. A elas acoden cada día centos de persoas. Por iso falar da posibilidade de que haxa que pagar unha entrada resulta cando menos chocante para moitos. Esperta reticencias entre os que fan uso das termas de cando en vez, pero especialmente entre os habituais. Din que non entenderían que o Concello tomase unha decisión así. Non é esta a primeira vez que sae á palestra, pero polo de agora, tan só é unha idea que está a estudar o Concello.