O hastío e hartazgo que a sociedade española sente cara á súa clase política converteuse xa, nun clamor. Con independencia de siglas e ideoloxía, a opinión xeneralizada de inutilidade e improductividade que se percibe pálpase na rúa, para cos nosos políticos, corre como un regueiro de pólvora cara ao arsenal do desánimo, estendéndose a todas as capas da sociedade.
A décimo terceira lexislatura pasará a ser a máis improductiva da historia da democracia. O balance transcorrido entre o 28 de abril e o 24 de setembro, data na que o BOE pon o cadeado ás Cortes é de cero leis aprobadas. Para máis inri, o alto custo do noso sistema parlamentario non fai se non xerar maior descontento no cidadán medio. Baste lembrar algúns datos para confirmar este vox populi do sentir xeral. Nestes 146 días as súas señorías reuníronse en sesión plenaria a “friorenta” de 14 días (11 no Congreso e 3 no Senado). Os salarios de deputados e senadores, durante este tempo foron de 16,28 millóns de euros. Se a isto sumámoslle comisións, complementos, etc, a factura diaria aumenta máis dun 30% chegando aos 132.000 euros diarios. Ademais, os diferentes grupos políticos recibiron subvencións para realizar o seu traballo en condicións óptimas por valor de 6,5 millóns de euros, nestes 5 meses. Como guinda do pastel, cada parlamentario recibiu un i-pad de última xeración, aumentado a factura en pouco máis de medio millón de euros máis, en concepto de agasallo de benvida.
Nestes momentos, e ante a inminente chegada dunha nova cita electoral o próximo 10 de novembro, consecuencia dunha manifesta incapacidade na nobre arte do consenso e do acordo político, que de realizarse, debería concluír coa proclamación dun goberno estable, atopámonos ante unha nova campaña, ergo máis gasto público, aproximadamente 140 millóns de euros, segundo datos do Ministerio do Interior. En relación con todo este dispendio xurdiron voces críticas que reivindican unha campaña austera, co menor custo posible.
Un paso simbólico e, á vez importante, sería o de reducir a recepción de propaganda electoral, cun aforro no gasto de Correos, o maior de todos, ademais dun considerable aforro de papel, innecesario de xeito evidente. A tal fin existe a posibilidade de solicitar a exclusión do censo electoral que usan os partidos para enviar a súa publicidade. Segundo o INE (Instituto Nacional de Estatística), 112.000 persoas xa o solicitaron e a previsión é que esta cifra aumente. Para ser excluído desta base de datos, o cal debe facerse antes do 7 de outubro, basta cumprir o formulario a tal fin que atoparás na páxina web do INE. Aínda que necesitas dispoñer, condición sine quae non, de certificado electrónico ou o sistema cl@ve Pin. Tamén se pode realizar nos concellos, nas oficinas consulares e nas delegacións provinciais da Oficina do censo electoral ( OCE). Un gran de area que podemos achegar como cidadáns e que, curiosamente, asolaga as redes sociais con avisos e explicacións de como realizar este trámite.
Outra iniciativa, cun calado máis exemplarizante e de iniciativa cidadá, que busca que os políticos cumpran co seu traballo, é a solicitude lanzada en change.org “Se non traballas, non cobras” onde se insta aos lexisladores que renuncien aos seus emolumentos ao disolverse o Parlamento. Serviría máis como promoción da chegada de acordos que como aforro, pero ao final, de ter éxito, aforrámonos todo o gasto desta futura nova cita coas urnas.
Outras medidas, xa están na mesa dos políticos e deles depende. Reducir o tempo de campaña ao mínimo, así como limitar aos máximo mitins e aparicións en faladoiros e medios de comunicación, e, en definitiva, todo aquilo que poida supoñer un aumento do gasto do contribuínte, quen, ao final, paga a factura na súa totalidade e, apenas ou nada, se lle pregunta. A máis diso considerar, como gasto superfluo moitos dos recursos utilizados pola “clase” política a tal fin.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO