Outro gran día da Mostra da Olería de Buño coa cocedura tradicional

1 minutes read

Este sábado foi outro gran día de Mostra da Olería, tanto no parque Luciano García Alén, no que houbo actuacións musicais e obradoiros, coma no Ecomuseo do Forno do Forte onde tivo lugar a Cocedura Tradicional, dirixida, un ano máis, polo Rulo, coa carga do forno. Tres horas de traballo para montar, peza a peza, a torre de ladrillos e lama que mantivo a calor para a cocción das vasillas. Son todas pezas da olería tradicional elaboradas no ecomuseo co torno movido a pé, como se vén facendo dende hai séculos. Xa pola tarde a experta Manuela de Mariñán prendeu o forno para outras tres horas de traballo dos atizadores para manter a temperatura e garantir o bo resultado do traballo. Este ano a Cocedura Tradicional non só tivo como prato forte unha Carroa distinta, senón tamén animación musical e teatral durante a tarde-noite.

Este domingo, nova cita ás 11.00 horas para descargar o forno e comprobar se tamén este ano foi un éxito a Cocedura Tradicional. As pezas serán identificadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.