Pablo Arangüena reclama en Ponteceso melloras nos servizos educativos e médicos

3 minutes read

O vicesecretario xeral do PSdeG e cabeza de lista por A Coruña para as próximas eleccións autonómicas, Pablo Arangüena, comezou a precampaña no concello de Ponteceso, onde alertou da falla de apoio amosado pola Xunta para reforzar e mellorar os servizos sanitarios e educativos públicos na localidade. Así o dixo nunha visita ao Concello acompañado polos candidatos por A Coruña Begoña Rodríguez Rumbo e Martín Seco e o candidato e veciño de Bergantiños, José Souto, onde mantiveron un econtro cos alcaldes de Ponteceso, Lois García, e de Malpica, Walter Pardo.

O responsable socialista denunciou o “abandono sanitario” da comarca por parte do goberno galego “precisamente cando é máis necesario”. Alertou de que o PAC de Ponteceso, que atende a 3 concellos da comarca, tan só conta cun solo médico de urxencias, que “cando ten que facer un desprazamento obriga a deixar o centro desatendido durante horas”, e sinalou que “non queremos que suceda o mesmo que ocorreu na Estrada, e non teñamos que lamentar desgrazas irreparables pola falla de implicación do goberno galego”.

Tanto o Centro Médico como o PAC de Ponteceso alóxanse nun edificio en mal estado sen previsión de reparación nin actuación prevista por parte do goberno galego, que “deixa esmorecer os servizos sanitarios dun Concello que polo contrario merece o seu reforzo coa ampliación de servizos como é o caso de Fisioterapia, para evitar desprazamentos da xente maior a Carballo”.

O responsable socialista comprometeu o apoio dun goberno socialista dende a Xunta de Galicia para acabar coa “sistemática discriminación das obras competencia da Xunta”, como é o caso da sanidade, educación ou cultura. Sinalou que “recibiremos a todo o mundo para rematar con estas lamentables situacións de partidismo” que o goberno de Feijóo ten instaurado nos últimos 11 anos á fronte da Xunta de Galicia.

Servizos educativos

O candidato socialista reclamou ademais a mellora das infraestruturas educativas, que inclúen un novo ascensor para o IES Eduardo Pondal, así como a rehabilitación enerxética integral da fachada do edificio principal. Sinalou que o Concello “non se pode permitir un novo verán sen que a Xunta realice obras nos centros educativos públicos.

O alcalde de Ponteceso, Lois García, denunciou o desinterese do goberno galego, que aínda non nos respondeu ás reiteradas solicitudes de entrevista do alcalde co presidente da Xunta e co conselleiro de Cultura que lles ten remitido o Concello nos cinco anos que leva á fronte da Alcaldía. García reclama o respaldo do goberno galego para acondicionar o edificio cultural do antigo instituto na propia Cidade Escolar, actualmente desafectado, no que queren construír un ximnasio e un auditorio por un importe de 800.000 euros.

Lembrou que o Concello conta cun ciclo de Teatro dende hai máis de 20 anos, para o que resulta fundamental contar cun novo Auditoriuo do que se beneficiarían os servizos educativos de varios concellos da comarca e que suporía un impulso para os servizos culturais dun concello que é un dos poucos da Costa da Morte con Escola Municipal de Danza.

Eduardo Pondal

O candidato socialista iniciou a precampaña visitando a casa do intelectual galeguista Eduardo Pondal en Ponteceso, onde reivindicou o papel político do “Bardo de Bergantiños”. Chamou a toda a cidadanía da Costa da Morte a emular a súa loita contra o caciquismo mobilizándose para rematar con 11 anos de “neocaciquismo do PP dende a Xunta de Galicia” porque “os tempos son chegados do cambio no Goberno galego”, dixo emulando o coñecido poema.