O Goberno español sobe o IRPF en tres puntos para as rendas do capital a partir de 200.000 euros e en dous puntos para as rendas do traballo a partir de 300.000 euros, á vez que reducirá as desgravacións para os plans de pensións privados nunha contía que o vicepresidente de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, non detallou. O imposto de patrimonio subirá un punto para as fortunas de máis de 10 millóns de euros. Os orzamentos prevén o reforzo da atención á dependencia, cun aumento de dotación do 46 %, 600 millóns de euros, cos que se pretenden reducir as listas de espera e mellorar as prestacións. Ademais, dedicaranse 700 millóns de fondos europeos a mellorar a atención a persoas maiores, co obxectivo de transitar dun modelo de residencias a outro de atención domiciliaria, explicou Iglesias. Pola súa banda, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirmou que as pensións subirán o 0,9 % en 2021 e avanzou que as non contributivas o farán o dobre, o 1,8 %, en tanto que o IPREM (indicador que serve para calcular diferentes axudas e prestacións) terá unha suba histórica do 5 %.
34