O pacto que conseguiu negociar o BNG ao PSOE no marco da investidura de Pedro Sánchez comeza a dar os seus primeiros froitos coa intensificación das obras para o restabelecemento do viaduto do Castro, que conecta a Galicia coa meseta.
Porén, segundo sinalou o delegado do Goberno estatal, estas obras tomarán un novo ritmo a partir do pactado entre o BNG e o PSOE, e espérase que o viaduto que conecta a Galiza a través da A-6 poderá volver albergar tránsito en dirección Madrid este mesmo ano, e que os labores en dirección contraria culminarán nos primeiros meses de 2024.
Así o recoñeceu o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco, que confirmou este martes que os traballos para restabelecer a conexión na A-6 a través do viaduto do intensificaranse como parte do acordo asinado arrincado polo BNG ao PSOE para a investidura. “O que imos facer é intensificar máis se cabe os traballos para que nesa vía estea restabelecida a conexión Galiza-Madrid con moita brevidade”, asegurou Blanco. O pacto entre nacionalistas e socialistas contemplaba o avance e a finalización das obras dalgunhas das infraestruturas viarias claves para o interior do país, como a apertura do tráfico no citado viaduto en dirección Madrid, un feito que se materializará, asegurou o delegado, “antes de fin de ano”.
Desta maneira, despois das negociacións do BNG para a conformación dun novo Executivo estatal, semella que finalmente se dá un impulso para a recuperación a unha infraestrutura clave para a conexión da Galiza e que leva inutilizada desde o seu desprendemento en xuño de 2022. Organizacións de transportistas, así como de persoas usuarias, teñen realizado numerosas protestas durante os últimos meses ante os inconvenientes derivados do derrubamento do viaduto, facendo un chamamento a que o restabelecemento fose unha cuestión prioritaria.