Partidazo do Goldie Xiria CT en Redondela

Arquivo.

O Goldie Xiria Carballo Turismo, asinou en Redondela, o que quizá foi o mellor partido de toda a tempada. As carballesas conseguiron completar o encontro cunha maior regularidade no xogo, obxectivo que se perseguía insistentemente ao longo das xornadas.

As de Xiria demostraron un funcionamento defensivo sobresainte e, en conxunción coa porteira Nadia, fixeron desta faceta a pedra angular da súa vitoria. O acerto na retagarda permitía ao equipo despregar a súa velocidade, tanto en primeira como en segunda onda e aí, os lanzamentos de Jessica, Tamara e Aida, eran letais.

A diferenza de catro goles ao descanso (11-15) antollábase cómoda, pero nunca definitiva, aínda que as de Xiria ofrecían excelentes sensacións no xogo.

O seguintes trinta minutos foron un calco dos primeiros, mesmo no que ao resultado parcial refírese. O Goldie Xiria Carballo Turismo continuaría asinando un partido serio, sen erros, sen fisuras e a pesar que as locais o tentarían co 7×6, enseguida quedaría desbaratada eta opción ante o bo funcionamento agora da 5:1 bergantiñá con Elena no avanzado. A presión da SAR desde o medio campo, tampouco causou problemas maiores ás carballesas e a mobilidade entre liñas e o xogo sen balón, sentenciaban un partido brillante por parte do Goldie.

Parciais cada 5´: 2-2 / 4-4 / 5-7 /9-6 / 7-12 / 11-15 – Descanso – 11-19 / 13-20 / 14-22 / 16-25 / 19-28 / 22-30 – Final.