Partido modelo do Calvo Xiria balonmán ante o Rodosa-Bm Chapela

1 minutes read

O Calvo Xiria xogou este sábado no Vila de Noia en Carballo ante o renovado Rodosa-Bm Chapela o partido correspondente á quinta xornada da liga de Primeira Estatal de balonmán. Enfrontábanse dous dos favoritos ao título e que ao comezo do partido estaban empatados a puntos na táboa clasificatoria. Os de Chapela abriron o marcador aos poucos segundos de comenzar o encontro por medio de Alex Sánchez, foi un espellismo, co empate de Dani Mallo o Calvo Xiria chegou a marcar unha renda de cinco tantos, propiciando o primeiro tempo morto do encontro solicitado polo equipo visitante, que faría o mesmo no minuto 22, ante o enfado do seu preparador, Fran Teixeira, polo baixo rendemento do seu equipo. Rematou unha intensa primeira metade cun Calvo Xiria superior en xogo e resultado 16-12.

No comezo da segunda parte o equipo carballés conseguiu unha renda de seis tantos durante os primeiros dezaoito minutos. A partir de ahí o equipo local relaxouse un pouco ata chegar a un parcial de tres tantos de vantaxe a falta de tres minutos para o final, pero o Rodosa-Bm Chapela non sería quen de darlle a volta ao marcador. Dous puntos mais para os de Adrián Dubra, finalizando o encontro cun resultado de 30-27. O Calvo Xiria que leva 5 vitorias de 5 partidos, é líder na provisional, e coa cabeza posta xa na saída que lle espera a seguinte fin de semana a Lanzarote.