Patinetes eléctricos. Problema ou solución?

3 minutes read

O 22 de setembro, coincidindo co Día mundial sen coches, o Colectivo de vehículos de mobilidade persoal VMP, ten previsto realizar manifestacións simultáneas nas cidades de León, Albacete, Murcia, Málaga, Sevilla, Barcelona e Madrid, ante a proposta de normativa presentada pola DXT, a cal pretende acabar co limbo normativo no que se atopan os patinetes eléctricos.

Hoxe en día, o uso dos patinetes eléctricos está regulado polas Ordenanzas municipais, todas diferentes, por tanto, carente dunha uniformidade que de seguridade normativa. A ausencia dun marco xeral produce descoñecemento e uso inapropiado destes VMP. Pero, cales son os motivos do descontento deste colectivo ante esta futura nova normativa? Por unha banda a limitación a 25 Km/h que provoca o fin de moitos modelos de patinetes xa existentes e en circulación. Por outra banda, o facer inviable o uso do patinete eléctrico como alternativa aos desprazamentos en coche fora do núcleo urbano. Existe a falsa crenza que os traxectos utilizando este medio, son curtos, e a realidade é que, a maioría, superan os 5 km.

A petición de colectivo VMP é que teñan a mesma consideración que unha bicicleta co consecuente permiso para circular por todos os carrís bici e tamén calzadas, máis aló mesmo, das limitadas a 30 km/h. Limitación existente na actualidade, por exemplo, no Concello de Madrid. Outra fronte aberta é a proposta de creación dun carné específico, con exame e uso de casco obrigatorio. Previsiblemente non gustará, pero aínda non hai pronunciamento específico sobre este asunto concreto. A norma que rexe na actualidade é a obsoleta do 2005, que fai referencia a patinetes sen motor e que concede permiso para circular polas beirarrúas. Chegados a este punto é cando xorde o conflito entre viandantes e usuarios de patinetes eléctricos. Mentres que os primeiros circulan a unha velocidade estimada de 5km/ h os segundos circulan entre 20 e 30 Km/ h. As queixas dos viandantes son claras. Os invidentes, por exemplo, consideran que están a ser expulsados das beirarrúas e as persoas maiores e de mobilidade reducida tamén ven perigosa esta cohabitación e o compartir mesmo espazo. Baste lembrar que no pasado 2018, segundo o fiscal coordinador de Seguridade Viaria, Bartolomeu Vargas, producíronse 273 accidentes, en 44 cidades españolas. Destes, 203 foron producidos polos patinadores. Houbo 5 vítimas mortais.

A primeira vítima mortal foi Berta, de 90 anos, quen faleceu en Esplugues de Llobregat o 13 de agosto do 2018, arroiada por un patinete eléctrico, manexado por un mozo mentres consultaba o seu teléfono móbil. Desafortunadamente a muller caeu ao chan e fracturouse a cabeza, falecendo días despois no hospital. O incidente saldouse, en principio, como delito leve de imprudencia, o cal conleva sanción pecuniaria ergo multa. Ao parecer e a pesar das tráxicas consecuencias, quedou demostrado que circulaba a 10Km/ h. Aínda así, a xuíz rexeitou dar carpetazo e ditou un auto que canaliza o proceso pola vía de delito leve.

De continuar o avance dos patinetes eléctricos ao ritmo que ten nestes momentos, estímase que o número de accidentes e falecidos podería triplicarse, existindo a posibilidade estatística de chegar a 17 mortos. É pois, hora de actuar co obxectivo de poñer freo aos accidentes de VMP nas beirarrúas, debido a que a incompatibilidade entre viandantes e patinadores é clara e manifesta. Así mesmo, débese explorar a vía para que os usuarios de patinetes eléctricos dispoñan de seguridade e uniformidade xurídica, e que poidan utilizar os seus vehículos sen risco, nin coa vida dos demais nin coa deles mesmos.

Como, cando e onde deben e poden circular debe ser tratado co máximo coidado e dilixencia, enfrontámonos a un novo modelo de transporte que debe ser analizado con sumo rigor para minimizar o seu impacto. Se conseguimos un encaixe correcto pode ser unha interesante alternativa ao uso do coche, e, á súa vez, un modelo ecolóxico, non contaminante.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO