A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou ao PP e ao goberno galego de tratar aos 110.000 veciños e veciñas da Costa da Morte e Bergantiños como cidadáns “de segunda” ao negarlles unha ambulancia medicalizada permanente. Así o dixo logo de que o PP rexeitara hoxe no Parlamento a proposta que levou á Comisión de Sanidade para reivindicar este recurso sanitario fundamental.
Iglesias lembrou que as probabilidades de supervivencia dun infarto aumentan ao 80 por cento cando son atendidos nos primeiros 3 a 5 minutos, na Costa da Morte a ambulancia medicalizada tarda preto dunha hora en chegar dende a súa base no Hospital da Coruña. Puxo como exemplo o accidente deste xoves en Coristanco, onde faleceu un veciño de Carballo -trasladado en helicóptero- e o seu compañeiro ferido tivo que agardar dúas horas á chegada da ambulancia.
A responsable socialista acusou ao PP de deixar “esquecidos” a Bergantiños e á Costa da Morte mentres se limitan a “xustificar a inacción” porque “non hai planificación seria, non hai avaliación transparente dos tempos de resposta nin vontade política real de corrixir esta desigualdade”. Advertiu que neste caso “están votando sobre vidas, sobre tempos de resposta e sobre oportunidades de sobrevivir”.
Lamentou que o PP votara hoxe en contra desta proposta que si foi aprobada por unanimidade nos concellos de Carballo, Coristanco e Malpica, e que foi aprobada na Deputación da Coruña coa única abstención do PP. Iglesias criticou que o propio portavoz do PP en Carballo e deputado autonómico, Rubén Lorenzo, non participara no debate de hoxe no que o PP votou en contra dunha iniciativa que el mesmo apoiou no seu Concello.
Denunciou que o PP “non quere priorizar unha ambulancia medicalizada para as comarcas da Costa da Morte e Bergantiños” coa escusa da falla de recursos que “sen embargo si que teñen para incrementar os concertos sanitarios”.
Lamentou que teñan demostrado que “non están á altura” dos veciños e veciñas destas comarcas ao rexeitar esta proposta para reclamar unha ambulancia medicalizada con base permanente, un estudo real cos tempos de resposta e un Plan específico para as comarcas con dispersión da poboación.