Pedro Sánchez acode ao debate de TVE e desmárcase de Atresmedia


  • O PSOE opta por RTVE ao ser o primeiro grupo en ofrecer o debate a catro
  • As datas que se barallan son o 22 ou o 23 de abril

Apenas un día despois de que a Xunta Electoral Central (XEC) suspendese o debate a cinco que se visionaría en Atresmedia por incluír a VOX, o presidente do goberno, Pedro Sánchez, aceptou o debate a catro en RTVE.

A XEC instara ao grupo audiovisual Atresmedia a que cambiase o formato para poder seguir adiante co debate, e estes reconverteron o mesmo nunha discusión a catro, pero finalmente o partido socialista desmarcouse.

Nun comunicado feito público esta mañá, e dentro da súa estratexia de promover unha gran movilización, o PSOE xustifica a decisión nese sentido: «O Comité Electoral desexa que ese debate teña a maior difusión e audiencia posible. RTVE ofreceu o sinal gratuito a todos os medios de comunicación que desexen emitir o debate. Tamén é importante sinalar que RTVE foi o primeiro grupo en ofrecer un debate a catro».

Aínda se está barallando a data do debate, que tería lugar o 22 ou o 23 de abril. Como nun principio, na controversia participarán Pedro Sánchez, candidato á presidencia do goberno polo PSOE, Pablo Casado, candidato do PP, Albert Rivera, candidato de Cidadáns, e Pablo Iglesias, candidato de Unidas Podemos.