O presidente do Goberno asegurou que o Día da Constitución non se trata de «unha festividade máis» e que a Carta Magna «é a folla de ruta do Goberno progesista de España». Na súa intervención no XVI Congreso Rexional do PSOE de Murcia, que elixiu a Pepe Vélez como novo secretario xeral, Sánchez sinalou que a Constitución é sinónimo de «democracia» e de «estado de benestar»: «É a educación pública dos nosos fillos, é a pensión digna dos nosos maiores, é a saúde de todos e de todas», afirmou.
Tamén fixo alusión á pandemia do covid e asegurou que a poboación ten «o sentimento de estar a superar unha das maiores probas da nosa xeración» e está a converter «o temor en certeza», algo que España está a conseguir con «prudencia, conciencia e coñecemento». Ademais lamentou que a oposición asegure que España está en quebra e lembrou que hai un ano o país «estaba moito peor» que agora. Por iso, considera que, aínda que hai desafíos e problemas por resolver, «calquera patriota de verdade debería sentirse orgulloso do éxito como país».