Pedro Sánchez anunciou unha redución inmediata das peaxes da AP-9


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo en Compostela unha “drástica redución” das peaxes da AP-9 con carácter inmediato. Deste xeito cumpre tamén co compromiso adquirido na investidura coas demandas do BNG.

“O Goberno de España está comprometido con Galicia, como o demostran dous feitos moi importantes que van mellorar a mobilidade dos galegos e galegas e que van impulsar esa vertebración do territorio: por un lado a chegada inminente da alta velocidade, e por outro a rebaixa histórica das peaxes da Autopista do Atlántico, que aprobaremos no próximo Consello de Ministras e Ministros, cumprindo en tempo e forma cos nosos compromisos coa sociedade galega”, afirmou Pedro Sánchez.

O xefe do Executivo destacou que a bonificación será ata o fin da concesión e que supoñerá un aforro total de 2.300 millóns de euros.