Pena de 4 anos ao ex-director dun banco de Entrimo por quedar con cartos dos clientes

1 minutes read

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de catro anos de cárcere, como autor dun delito continuado de falsidade en documento mercantil, en concurso medial cun delito continuado de apropiación indebida, que a Audiencia Provincial de Ourense lle impuxo ao que fora director dunha sucursal bancaria na localidade de Entrimo entre 1998 e 2015.

O Superior considera acreditado, segundo informa o ditame divulgado polo Alto Tribunal galego, que o sospeitoso realizou disposicións indebidas de fondos depositados en contas dos clientes sen o seu consentimento nin autorización. Ademais, apoderouse de diñeiro entregado en efectivo polos clientes que non foi rexistrado nas súas contas e realizou pagos de extratipos polos fondos depositados polos clientes á marxe dos contabilizados pola entidade bancaria.