Penúltima xornada ligueira para o Calvo Xiria que viaxará a Cangas


O Calvo Xiria balonmán viaxará a Cangas para enfrontarse ao Antomanía Luceros. Os locais queren asegurar a permanencia mentres o Calvo Xiria pelexará por seguir na cuarta praza. O adestrador Adrián Dubra seguirá contando cos habituais xuvenís xa que Carlos Guisasola e Jorge Bouzas súmanse ás baixas xa sabidas de Aaron, Fran e Edu. O equipo afronta con efectivos suficientes o choque que se prevé teña un ritmo alto polo que o xogo en transicións será fundamental para ambos. O Calvo Xiria buscará gañar profundidade en ataque posicional, gañar os
duelos 1×1 e a continuidade de balón como claves para loitar polos dous puntos. O partido será este sábado ás 19:00 horas no pavillón do Gatañal.