Pequeño visitou as obras da senda peonil que conectará Quenxe co faro de Cee, en Corcubión

1 minutes read

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, e o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, visitaron as obras de construción dunha senda peonil e ampliación e mellora da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda, un proxecto que permitirá configurar un gran itinerario peonil e ciclista con espectaculares vistas á ría e que conectará a zona urbana de Quenxe co faro de Cee.

Acompañado dos técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial, Pequeño e Insua supervisaron os traballos, que avanzan a bo ritmo e que poderán estar rematados antes do verán de 2022.

José Manuel Pequeño destacou «a singularidade» da obra, cun orzamento de case 1 millón de euros, un dos maiores investimentos programados este ano na rede provincial de estradas e o maior realizado en Corcubión ata o momento.

O alcalde de Corcubión, Manuel Insua, subliñou tamén a importancia do investimento para crear este gran itinerario peonil «nun entorno natural tan privilexiado coma este», xa que desde a zona divísanse espectaculares vistas do monte Pindo, a illa Lobeira ou cabo de Fisterra.

As actuacións completaranse nun futuro co proxecto da Senda dos Faros, incluído no Plan Director de Mobilidade do Goberno provincial.