- O 10% destas persoas son maiores de 70 anos e precisaron algún tipo de axuda.
Esta campaña de contacto estase a levar a cabo coa finalidade de localizar á poboación máis vulnerable ante a crise sanitaria provocada polo COVID-19 para poder proporcionarlle os recursos necesarios en cada caso.
De todas as persoas coas que se contactou telefonicamente, 15 precisaron axuda de algún tipo. “Outras dixeron que de momento non, pero que seguramente a precisarían de ampliarse o confinamento durante moito máis tempo”, indica a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que ademais reiterou o chamamento á cidadanía para que se se ten coñecemento de persoas que vivan soas, en especial maiores ou con necesidades, se comunique a Servizos Sociais chamando ao 981 704 706. Por parte dos/as traballadores/as sociais farase un seguimento de cada caso.
Dende Servizos Sociais tamén están a ofrecer, en colaboración con Protección Civil e a Brigada Municipal de Obras, un servizo de entrega de alimentos e/ou medicamentos a domicilio. Así mesmo, a raíz das necesidades detectadas entre as persoas coas que contactan, e tamén como consecuencia do peche de centros de día, incrementase o programa Xantar na Casa con 11 novos/as usuarios/as, e ademais entregaronse vales de alimentos a 20 familias máis.
Así mesmo, realízase a diario un seguimento de varios casos nos que se precisa asistencia psicosocial e psicolóxica.
Por outra banda, dende o Centro de Información á Muller (CIM) continúan a realizar intervencións por vídeo-chamadas sempre que é posible, e na Unidade de Condutas Adictivas (UCA) mantense a atención con normalidade e incorporouse tamén aos pacientes que anteriormente recibían asistencia ambulatoria.