A Xunta de Galicia aposta por celebrar a noite de San Xoán, o vindeiro venres, de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente, segundo dixo a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Faise un chamamento para manter as praias limpas de residuos e tamén para ser respectuosos coa preservación dos valores naturais dos areais.
Nesa liña, lembrou pautas de comportamento claves para que esta celebración non deixe “pegada” no medio ambiente. Así, reiterou a importancia de recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento.
Ademais, recomendou usar friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos, así como priorizar a compra de produtos a granel en vez dos sobrenvasados. Segundo insistiu a conselleira, “unha simple bolsa de plástico tarda 400 anos en degradarse”.A maiores, Ángeles Vázquez avogou por reducir o desperdicio alimentario. Tal e como se inclúe no decálogo de boas prácticas presentado por Ecoembes con motivo desta xornada festiva, é recomendable facer un bo cálculo dos asistentes para evitar comprar máis comida e bebidas do necesario e optar por alimentos que poidan ser aproveitados ao día seguinte.