A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia están a realizar as medicións sobre o terreo nos 94 concellos que se adheriron á iniciativa da Xunta para a mellora a cobertura móbil en zonas illadas.
Para adherirse ao Plan os municipios tiñan que que especificar as localidades con deficiencias dentro do seu territorio e propoñer terreos adecuados para a instalación das infraestruturas de telecomunicacións.
Desde hai varias semanas o Plan entrou na fase de verificación da calidade da cobertura coas medicións sobre o terreo e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.
Unha vez rematado este proceso, que se prevé completar no mes de setembro, os concellos que cumpran cos requisitos (carecer de cobertura e poñer e dispoñer dos terreos adecuados) integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través da construción de torres polo operador publico Retegal e dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.
Con esta iniciativa a Xunta busca que todos os galegos dispoñan de conexión de calidade independentemente de onde se atopen. As redes móbiles, especialmente as redes 4G e no futuro as 5G, son as que aportan a capacidade de estar conectados en calquera lugar no que se atope nese momento o cidadán.