O Secretario de Estado de Dereitos Sociais de Unidas Podemos, Nacho Álvarez, anunciou que non aceptarán ampliar o tempo de cálculo das pensións comprometido con Bruxelas que subscribiu o Ministerio de Facenda o pasado mércores para poder recibir o fondo de recuperación europeo.
A través das súas redes sociais, Álvarez explicou que «ampliar a 35 anos o período de cálculo da pensión non é unha medida recollida no Pacto de Toledo, non está no Acordo de Coalición, non forma parte do diálogo social e implicaría un recorte en moitas prestacións futuras que Unidas Podemos non vai aceptar».
Nesta mesma liña foi o secretario de Estado para a Axenda 2030 e secretario xeral do Partido Comunista, Enrique Santiago, que se mostrou tamén en contra de aumentar o número de anos para calcular as pensións. Ademais, rexeita incrementar a vida laboral dos traballadores porque considera que «a xente non vai chegar viva» para gozar a xubilación.