Podemos Arteixo denuncia a falta de resposta do Goberno local tras máis dun ano solicitando as actas dos plenos

Cedida.

Podemos Arteixo expresou a súa sorpresa e indignación ante a recente publicación por parte do Concello da acta do último pleno, despois de máis dun ano de solicitudes formais reiteradas sen obter resposta ningunha por parte do goberno local.

Ao longo deste período, a formación morada cursou diversas peticións por escrito a través das canles oficiais, sen recibir nin unha soa comunicación, explicación ou xustificación por parte do Executivo municipal. A publicación da acta inclúe agora un encabezado no que se argumenta a súa anonimización ao abeiro da Lei 19/2013, de Transparencia, e da normativa de protección de datos.

Desde Podemos Arteixo considérase que esta interpretación restritiva da legalidade constitúe unha nova traba á transparencia real e efectiva, ao limitar a comprensión íntegra dos debates e acordos adoptados no órgano plenario.

«Entendemos e respectamos a necesaria protección dos datos persoais de carácter sensible, pero non compartimos que se aplique unha censura xeneralizada nas actas, o que contradí o principio de transparencia que debe rexer en toda administración pública», sinalaron desde a formación. «Son moitos os concellos, mesmo gobernados polo Partido Popular, onde as actas plenarias se publican sen este nivel de anonimización, garantindo así o dereito da cidadanía a unha información completa».

Podemos Arteixo subliña que a transparencia non pode ser unha obriga que se cumpra só cando resulte conveniente, nin pode empregarse a lexislación como escusa para dificultar o labor de control democrático. «A publicación das actas non é unha concesión graciable do goberno municipal, senón unha obriga legal e un instrumento esencial para garantir a participación e a fiscalización cidadá», engaden.

A organización política anuncia que continuará traballando para que o Concello cumpra coas súas obrigas en materia de transparencia, dea resposta ás solicitudes formais da oposición e respecte o dereito da cidadanía a coñecer con claridade o que acontece na institución municipal.

Related posts

Controlan un incendio na comisaría da Policía Nacional de Santiago

A Deputación da Coruña reforza a rede pública de atención social nos concellos máis pequenos da provincia

O Concello de Cerceda destaca o papel da loita local na resolución provisional do nó de transición xusta de Meirama