- Os traballadores por conta propia afirman que non é momento de enerxías limpas nin de medio ambiente, cando o que se debate é pura e simplemente a supervivencia.
Ante a nova declaración do estado de alarma, por mor dos rebrotes e contaxios producidos polo coronavirus, a FEDERACIÓN DE AUTÓNOMOS DE GALICIA (FEAGA) alerta acerca da catástrofe que se aveciña, e que vai provocar o peche definitivo de medio millón de Autónomos a final de ano.
Nunha economía de servizos como a nosa, onde a industria brilla pola súa ausencia, e a pouca que queda vai pechando inexorablemente, a situación xerada polas políticas de restricións, confinamentos, peches perimetrais, etc., lévannos directamente á ruína.
Tal como imos, a recuperación non chegará para os Autónomos ata o ano 2024, e para centenares de miles de Autónomos non vai chegar nunca, por tres motivos fundamentalmente: en primeiro lugar, as axudas europeas, se é que algunha vez chegan, están mal enfocadas; non é momento de enerxías limpas nin de medio ambiente, cando o que se debate é pura e simplemente a supervivencia; en segundo lugar, avecíñase unha onda de despedimentos, máis tarde ou máis cedo, o que significa menos consumo e menor demanda interna, logo ao final, afectará aos Autónomos; en terceiro lugar, a dependencia do turismo (un 14% do PIB en termos directos, pero a súa influencia é moi superior a esa porcentaxe) lastrará a recuperación durante moito tempo, porque tardaremos anos en volver á normalidade.