Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Pontevedra, en colaboración con Axentes Ambientais da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o 3 de agosto no concello pontevedrés de Meis. O lume produciuse na parroquia de San Martiño e afectou 1,4 hectáreas de superficie arborada.
Despois de realizar unha inspección na zona, acoutouse a área de inicio do incendio e descubriuse que fora provocado polas chispas dunha máquina amoladora ao realizar traballos de corte nunhas varas de ferro. Como resultado, foron investigadas dúas persoas como presuntas autoras do lume.
Nos labores de extinción participaron dous axentes, tres motobombas, dous helicópteros e seis brigadas. A Policía Autonómica remitiu as dilixencias polos feitos ao Xulgado de Garda de Cambados.
No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 44 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.