A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou que a Xunta de Galicia presentará nos vindeiros días a Estratexia galega de atención á soidade non desexada, unha iniciativa pioneira a nivel estatal que procura minimizar os efectos deste fenómeno e mellorar a calidade de vida das persoas de máis idade da comunidade.
Esta iniciativa nace coa finalidade de ser participativa e de contar cun amplo consenso social, xa que Galicia será a primeira comunidade en desenvolver un plan neste eido. O proxecto conta coa colaboración da Fegamp e das entidades máis representativas que traballan no ámbito das persoas maiores.
O plan oriéntase en cinco liñas estratéxicas: a prevención, co impulso de actividades que favorezan as relacións sociais; a detección, a través da implicación de toda a sociedade; a intervención, coa posta en marcha de actuacións que atallen situacións de soidade non desexada; a visibilización, para dar a coñecer o problema; e a cooperación entre as administracións, as entidades sociais e o tecido empresarial.