Política Social aumenta nun 15% o convenio con EAPN-Galicia, fronte á pobreza e á exclusión social

1 minutes read

A Consellería de Política Social aumenta nun 15% o seu convenio de colaboración coa Rede Galega contra a Pobreza (EAPN). O acordo acada os 53.000 euros para que a entidade poida poñer en marcha medidas que repercutan directamente na poboación que peor está a pasar e que se encontra nunha situación de exclusión social.

O convenio recolle entre os seus obxectivos a creación de grupos de traballo, a organización e participación activa en foros sociais, así como facilitar o intercambio de información entre entidades. Tamén procura corresponsabilizar aos axentes clave para evitar situacións de vulnerabilidade, sobre todo ás Administracións públicas e empresas, e sensibilizar á sociedade.

Este acordo enmárcase na liña de traballo que fixa a Consellería de Política Social para a atención das persoas máis vulnerables. Esta liña céntrase na colaboración e a coordinación da Xunta de Galicia coas entidades sociais co fin de poñer en marcha políticas efectivas que contribúan a paliar as consecuencias sociais derivadas da covid-19.