Políticas de retorno para afrontar o reto demográfico galego

2 minutes read
  • Miranda salienta a importancia da cooperación, coas entidades e entre as propias administracións, para facer accesible o retorno

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou este martes nas Xornadas de formación e orientación ao retornado organizadas por FEVEGA, onde avogou polo impulso das políticas de retorno como chave para “traer de volta á casa todo o talento galego e afrontar o reto demográfico”.

“No século pasado, a emigración abriuse paso na nosa terra como un camiño polo que transitar cara a busca dunha vida mellor. Agora, somos nós os que podemos ofrecer unha vida mellor, e por isto resulta fundamental traballar nas políticas de retorno”, subliñou Miranda, quen defendeu a necesidade de impulsar este labor desde a “cooperación, coas entidades e entre as propias administracións”.

Así mesmo, Rodríguez Miranda destacou tamén as oportunidades que ofrece o retorno para afrontar “o gran reto demográfico que temos por diante”. “A nosa terra dispón dun gran activo capaz de converterse nun dos piares fundamentais sobre os que afrontar este reto: os miles de galegos de segundas e terceiras xeracións que residen fora da nosa comunidade, pero que conservan, igual de forte que o primeiro día, o seu vínculo coa terra que viu partir aos seus país e avós”, incidiu.

Neste marco, o titular do departamento autonómico lembrou que a aposta da Xunta pola volta a casa dos galegos do exterior materializouse na Estratexia Retorna 2020, un documento transversal que busca acadar a volta á terra de 20.000 galegos no período 2018-2020.

Así, Rodríguez Miranda resaltou o incremento que están a experimentar as cifras de retorno a Galicia, con máis de 7.000 galegos do exterior que volveron durante o ano 2018, o que supuxo o quinto exercicio consecutivo de incremento do retorno á comunidade. “Deses, máis de 2.000 fixérono a Vigo e á súa comarca; o 60% deles menores de 45 anos”, engadiu.