Ponteceso adxudica o Servizo de Axuda no Fogar

1 minutes read

O Concello de Ponteceso vén de adxudicar o Servizo de Axuda no Fogar por un importe de 415.002,93€ por un ano. Como mínimo, a metade das novas contratacións e substitucións, deben ser cubertas por mulleres en grupos de paro de longa duración ou difícil inserción laboral. Todas as traballadoras adscritas á anterior empresa, e aquelas con alomenos 4 meses de antigüidade no servizo, deben ser contratadas pola nova empresa. A aplicación dos convenios estatal e galego, será obrigatoria. O contrato inclúe melloras significativas para os usuarios e usuarias como unha bolsa de 600 horas sen custe para o concello, para que se poidan resolver emerxencias en casos de urxente necesidade. Tamén 10 unidades de grúas e outras 10 de camas articuladas eléctricas para préstamo aos usuarios que o necesiten, sempre a cargo da empresa incluso a súa posta en funcionamento e retirada.