Ponteceso facilita unha declaración responsable para a xestión da biomasa

1 minutes read

A Consellería do Medio Rural vén de publicar unha resolución que modifica as normas para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, aínda que se mantén a súa obrigatoriedade dada a importancia de previr os incendios forestais.

Estes son os aspectos máis salientables da resolución:
1. O prazo para executar os traballos ampliase ata o 16 de xullo de 2020.
2. Para os desprazamentos será preciso levar unha declaración responsable que inclúa as leiras nas que se van realizar os traballos, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral; ademais dos apeiros precisos.

Dada a importancia da resolución, e coa finalidade de facilitar as xestións á veciñanza, o Concello de Ponteceso pon á súa disposición un modelo de declaración responsable e da que tamén lle facilitarán copias nos talleres de maquinaria agrícola e nos establecementos agrarios do concello.