Ponteceso remata a obra de construción dunha senda peonil no núcleo de Pazos

1 minutes read

O Concello de Ponteceso vén de rematar esta semana unha actuación de grande relevancia para o municipio, consistente na construción dunha senda peonil no núcleo de Pazos, ao longo da estrada AC-419, no treito comprendido entre o punto quilométrico 2+990 e o 3+350.

Trátase dunha obra fundamental para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil da veciñanza, especialmente nunha zona con tránsito frecuente. A actuación foi impulsada ao abeiro do Plan Hurbe, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, cun orzamento total de 348.516,02 euros, dos cales o Concello asumiu 100.000 euros.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, quixo agradecer “a todas as institucións implicadas, especialmente á Consellería de Vivenda e á empresa encargada da execución dos traballos”, ao tempo que se desculpou coa veciñanza “polas posibles molestias ocasionadas durante o desenvolvemento das obras, xa que somos conscientes de que este tipo de intervencións poden xerar incomodidades temporais, pero necesarias para acadar melloras duradeiras”.

O rexedor destacou tamén que “esta actuación supón un paso máis no compromiso do Concello coa seguridade e a calidade de vida da nosa veciñanza. Seguiremos traballando de xeito constante para ampliar a rede de sendas peonís en distintas parroquias do municipio, co obxectivo de facer un Ponteceso máis accesible e seguro para todos e todas”.