- O rexedor mantivo unha xuntanza co vicepresidente da Xunta e coa directora xeral da Administración local
O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, mantivo esta pasada semana unha xuntanza co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, co obxectivo de conseguir un convenio para mellorar o servizo de emerxencias e a base do parque empresarial de Tella. A oferta, segundo sinalan desde o goberno local, tivo «moi boa acollida» e agardan que se concrete nun próximo protocolo de colaboración.
Entre as demandas presentadas polo alcalde destaca unha nova zódiac para Protección Civil da localidade xa que as dúas das que dispón o Concello están «en moi mal estado, sobre todo, os motores». Mentres tanto, o consistorio está a buscar unha solución para cubrir o servizo.
Por outra banda, Carballido tamén agradeceu ao vicepresidente autonómico a sinatura do convenio que permitiu a obra de mellora do Xulgado de Paz, coa posterior visita do director xeral de Xustiza. Este acordo tivo que ser anulado a finais do 2020 debido aos retrasos xeralizados nas subministracións desde o inicio da pandemia, sendo restituído no 2021.
40º aniversario do Festiletras
Desde o goberno local tamén solicitaron a Alfondo Rueda que interceda ante Alberto Núñez Feijóo para que visite de xeito oficial a vila de Pondal xa que, desde que Carballido é alcalde (ano 2015), o presidente da Xunta de Galicia nunca se desprazou ata o Concello.
De poder elixir unha data, convidan ao presidente autonómico a que acuda ao Festiletras, un evento cunha importante oferta cultural, musical e artesá que este ano celebra o seu 40º aniversario.