- A área de Igualdade conmemorará o 25N con charlas para todo o alumnado do IES Eduardo Pondal e un taller de teatro
O Concello de Ponteceso volve a participar na campaña “En negro contas as violencias”, coa que queren concienciar á cidadanía sobre a existencia de diferentes formas de violencia machista que constitúen un grave problema social.
Dende a Concellaría de Igualdade tratan de implicar ao tecido económico, educativo, asociativo e á cidadanía en xeral para ofrecer dende Ponteceso unha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero. Nesta liña, arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, o departamento que dirixe Noelia Varela Suárez impulsa unha serie de actividades que tratarán de redundar nesa mensaxe.
O día 25 celebraranse durante toda a mañá actividades co alumnado do IES Eduardo Pondal, e ás 16.30 horas, no salón de actos do Edificio das Escolas, levarase a cabo un taller de teatro para mulleres no que, a través de diferentes técnicas escénicas, poderán aprender a recoñecer distintas violencias de xénero.
A concelleira Noelia Varela repartiu ademais material cos lemas da iniciativa aos comercios de Ponteceso, e quen desexe máis instrumentos de reivindicación pode solicitalos na Casa do Concello.