Pontón advirte que Feijóo prepara un “sablazo” no prezo da auga

1 minutes read

Co prezo da luz polas nubes impactando de cheo nas economías familiares e nas empresas, o BNG denuncia que o Goberno de Feijóo ultima unha normativa que subirá o prezo doutro ben básico: a auga, gravando con novos impostos tanto aos concellos como ás persoas usuarias no que a portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “Lei do sablazo da auga”.

“Vai supoñer un aumento da factura da auga subindo os impostos e xa avanzo que o BNG pide a retirada do que o Goberno de Feijóo chama eufemisticamente Lei de mellora do ciclo da auga, porque é irreformable e está tramitada con nocturnidade e poñendo o texto a exposición pública no verán”, salientou Pontón tras un encontro con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais. 

A líder nacionalista destacou que “o mesmo presidente da Xunta que se pasa o día falando de rebaixar os impostos aos ricos, prepare un sablazo no prezo da auga para concellos, comunidades de augas, pequenas empresas e veciños e veciñas pola porta traseira e sen ter en conta as posibilidades e recursos das administracións e persoas afectadas”, argumentou.