Pontón pide unión ao Estado, Xunta e Stellantis para que Galicia se beneficie do PERTE

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou a visita á planta viguesa de Stellantis para demandar ao Goberno do Estado, á Xunta e á propia multinacional colaboración e compromiso para que Galicia non quede excluída do PERTE da automoción, o denominado polo Ministerio de Industria PERTE do vehículo eléctrico e conectado, dotado con 12.000 M€ con cargo aos fondos Next Generation. «O único que temos son boas palabras, pero iso non chega para evitar que Galicia quede discriminada nun dos PERTES máis importantes que ten en marcha o Estado», sinalou Pontón.

Ademais mantivo un encontro co equipo directivo da compañía e, posteriormente, realizaron un percorrido guiado pola planta, da man do director da factoría de Balaídos, Ignacio Bueno. Unha visita na que tamén participou a deputada viguesa Carmela González e o portavoz parlamentario de Industria, Ramón Fernández. O BNG propón a creación dunha Mesa galega da automoción co clúster estratéxico, coas universidades e coas administracións para afrontar a transición cara o vehículo eléctrico.