Pontón promete un plan de mobilización de vivenda baleira e unha lei para gravar os grandes posuidores

2 minutes read

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, prometeu este venres artellar un plan de mobilización de vivenda baleira e unha lei para gravar os grandes posuidores como os fondos de investimento, a banca ou as grandes empresas. Pontón reuniuse este venres cunha representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en Santiago de Compostela xunto a outros membros da súa candidatura e, tras o encontro, avanzou algunhas das medidas que impulsará se chega ao goberno.

Así, dixo que impulsará medidas para cumprir o “dereito fundamental” que é a vivenda e que “non se cumpre para unha parte moi importante da cidadanía”. Desta maneira, a proposta defendida pasa por desenvolver un plan de mobilización de vivenda baleira, mediante o que a Xunta compre vivenda e a poña ao dispor dos galegos e galegas en réxime de alugueiro, tendo en conta que nestes momentos hai 500.000 vivendas baleiras, das que 90.000 están concentradas nas grandes cidades.

En segundo termo, e co mesmo obxectivo de mobilizar esta parte do parque residencial, Pontón avanzou tamén o impulso dunha lei para gravar cun imposto aos grandes posuidores como a banca, os fondos de investimento ou as grandes empresas que acumulan un volume “moi importante” de vivenda no país e que alcanza os 15.000 inmóbeis, segundo distintos estudos.

Esta nova taxa, que “en ningún caso afectará os propietarios particulares” e que xa se aplica “en distintos países europeos e noutros territorios do Estado”, permitiría, ademais, obter 40 millóns de euros adicionais ao longo da lexislatura, que un goberno liderado polo BNG, dixo, “destinaría a recuperar as políticas públicas de vivenda dinamitadas polo PP nos últimos 15 anos”. Pontón tamén comprometeu “máis recursos” para a construción de vivenda pública, consciente, aclarou, de que é “unha política pública máis a longo prazo”, e avanzou unha modificación legal para “blindar por lei que toda a vivenda pública que se vai a construír no país se dedique ao alugueiro”.

A este respecto, explicou que estas medidas permitirían no horizonte de 2040 elevar a 5% o parque galego de vivenda público, situado neste momento no 0,3%, mentres que no conxunto do Estado está en 1,1%, por baixo tamén doutros países europeos como como Países Baixos (29%), Escocia, Irlanda e Austria (24% nos tres casos) ou Inglaterra (17%), por pór algúns exemplos. “Se obteño a confianza dos galegos, vou facer da política social de vivenda unha prioridade”, anunciou Pontón, quen recalcou que se “necesita que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida e, para iso, é básico poder acceder a unha vivenda”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?