Pontón urxe ‘medidas valentes’ que protexan á maioría social ante a crise de prezos

Cedida.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindica unha saída “xusta” á crise de prezos para o que reclama aos gobernos “medidas valentes”, tanto “a curto prazo como estruturais”, que actúen en defensa das maiorías sociais e non á contra, como as que se están tomando. 

Así, e co nivel de prezos máis alto en corenta anos, considerou “inxusta e antisocial” a suba dos tipos de interese que, para 2023, pode chegar a encarecer a hipoteca unha media de 200 euros ao mes, afogando aínda máis ás familias ante unha banca que sigue obtendo beneficios récord -un 33% máis de ganancias no que vai de ano-, cando aínda non devolveu os 90.000 millóns de euros de rescate, ou ante un lobby eléctrico que tamén “continúa forrándose nesta crise”.  

A isto sumou uns orzamentos “insolventes e insolidarios” do Goberno do PP para 2023 que, neste contexto de crise e lonxe de atender as necesidades da maioría, incorporan un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros para as 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, mentres miles de galegos e galegas afrontan serias dificultades para chegar a fin de mes.