Por primeira vez en 40 anos, os Princesa de Asturias mudaron de lugar


Este ano non puido ser, os Premios Princesa de Asturias non se entregaron no Teatro Campoamor, a entrega levouse a cabo no Hotel Reconquista. Foi un acto sen público e con abundancia de discursos gravados, como os da poeta canadiana Anne Carson, Premio das Letras ou do compositor John Williams, Premio das Artes co finado Ennio Morricone. Carlos Saínz recolleu o seu galardón dos Deportes animando aos mozos a perseguir os seus soños. A emoción aflorou na entrega do premio á Concordia, encarnado nunha quincena de sanitarios, algúns deles parentes de falecidos pola Covid-19. No discurso da Princesa Leonor estivo presente a pandemia. Tivo un recordo para os enfermos e falecidos e salientou algunhas das leccións que deixa para os máis novos: “a pandemia que vivimos en España e no resto do mundo alterou a nosa vida en moitos sentidos. Pero se hai algo que a miña irmá Sofía e eu aprendimos é o sentido da responsabilidade, e creo que os mozos da miña xeración tamén son conscientes diso”. O rei instou aos poderes públicos a conducirense coa máxima integridade e facendo dos intereses xerais o seu norte.