Coincidindo, como cada 9 de xuño, coa celebración do Día Internacional dos Arquivos, o arquivo municipal do Concello de Carballo abriu as súas portas á cidadanía. Durante toda a mañá deste luns recibiu visitas organizadas, como a que realizou un grupo de alumnos e alumnas do colexio Artai; tamén libres, como as que fixeron varios veciños e veciñas de xeito individual ou en pequenos grupos, ou institucionais, como a que levaron a cabo o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret. Nada máis abrir, xa agardaban á porta os primeiros visitantes, unha nai e un neno de cinco anos cunha curiosidade insaciable que bombardeou con todo tipo de preguntas ao arquiveiro municipal, Xosé Antonio Esmorís Gómez.
Pero non tes que agardar ao próximo 9 de xuño de 2026 se queres coñecer o arquivo municipal do Concello de Carballo. Podes visitalo en calquera momento do ano, previa solicitude de cita no 981 704 100, como fan con certa frecuencia persoas que buscan rastros dos seus antepasados, investigadores/as ou estudantes. O arquivo é un recurso moi importante tamén para o propio persoal municipal, pois alberga expedientes, proxectos, actas e todo tipo de documentos desde a constitución do Concello de Carballo.
Precisamente, esa acta de constitución, que data de 1813, é o documento máis antigo e reflicte unha realidade moi diferente á actual, a dun concello formado por 15 parroquias, entre elas varias que pertencen agora a Coristanco ou A Laracha. Tras a recente reforma do espazo, esa xoia da historia carballesa está á vista, debidamente protexida nun expositor con vitrina, xunto coa acta de 1820 na que xa se sitúa a casa do concello en Sísamo, a de 1836 pola que se traslada a Carballo, ou o proxecto da casa do concello que deseñou Julio Galán e que foi derrubada hai medio século.
No arquivo municipal de Carballo tamén se conservan obxectos procedentes dos legados de Alfredo Brañas ou Carlos O Xestal, e un total de 1.556 fotografías, o gran álbum de Carballo na memoria que cada día se vai facendo aínda máis grande coas achegas veciñais, e por iso se está a percorrer as diferentes parroquias para seguir recuperando ese patrimonio fotográfico. A próxima cita será o sábado 21, a partir das 11.00 horas, no centro social de Ramil de Rus.