Portos activa en probas un sistema de previsión de correntes na comporta de Malpica

1 minutes read

Portos de Galicia activou un sistema de previsión de correntes debidas á onda longa na comporta da dársena interior de Malpica. Trátase dun método experimental que funcionará polo momento en período de probas.

Como continuación do proxecto MarRisk, desde o departamento que preside Susana Lenguas, impulsouse o desenvolvemento deste sistema experimental baseado en datos de Meteogalicia. Este procedemento posibilitará estimar cunha antelación de 72 horas a velocidade da corrente que se producirá na comporta da dársena interior do porto de Malpica. Con este dato poderase alertar e orientar aos usuarios sobre as condicións de acceso á dársena interior do peirao.

Os datos serán trasladados desde Portos de Galicia aos usuarios, a través da confraría de pescadores, mediante un documento que recolle a previsión de ondada, a gráfica da velocidade de onda longa e un informe desglosado por horas con tres niveis de recomendación de uso para cada hora representados por un semáforo: verde para o uso recomendado; amarelo, nivel de precaución; e vermello, para o uso non recomendado.

O informe remitido este venres á confraría recolle as previsións relativas á borrasca polar Dora con datos de previsión ata o vindeiro día 6, que poderán ser consultados polos usuarios da comporta para reforzar a súa seguridade.

Solución transitoria

O sistema experimental que se pon en marcha supón unha alternativa provisional en paralelo ao traballo técnico que Portos de Galicia segue a realizar para definir unha solución definitiva ao problema de axitación na dársena de Malpica. A día de hoxe atópase en licitación a redacción do proxecto cun importe asignado de case 100.000 euros.