Portos de Galicia inicia as obras de mellora da lonxa de Laxe

1 minutes read

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou as obras de mellora do edificio da lonxa de Laxe, unhas actuacións que veñen de comezar, que contan cun prazo de execución de tres meses e nas que o ente dependente da Consellería do Mar inviste 25.000 euros.

Os traballos consistirán no lavado das fachadas do edificio da lonxa así como unha pequena ampliación do mesmo coa fin de habilitar unha nova zona de lavadoiro das caixas de peixe. Con esta actuación a antiga zona de lavadoiro pasará a ser destinada a un novo viveiro.

Esta obra dará resposta ás necesidades expostas polo sector a Portos de Galicia e mellorará as condicións de traballo dos profesionais do mar. Os traballos únense ademais á obra de dragaxe do peirao, que se atopa en execución e na que a Consellería do Mar está a investir máis de tres millóns de euros.