Portos instalará un radar en Malpica para analizar os efectos das ondas

2 minutes read

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou este luns no Parlamento que o seu departamento vai instalar un radar no porto de Malpica que permita a medición real dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e axude a valorar a axitación real do peirao para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude. Este dispositivo contribuirá a buscar a mellor solución para mitigar os riscos derivados destas correntes que se rexistran na dársena interior malpicá.

A representante do ente dependente da Consellería do Mar explicou que as ondas longas son sobreelevacións que non se perciben a simple vista e que van asociadas ao tren de ondada que si percibimos, polo que é preciso identificar o período e amplitude concretas que producen a resonancia na dársena para poder acometer as mellores solucións. Este novo dispositivo e os estudos que están a facer os técnicos de Portos de Galicia, explicou Susana Lenguas, servirán para definir o proxecto definitivo co que facer fronte aos riscos asociados á resonancia das ondas longas liberadas polos temporais no porto de Malpica.

A presidenta do ente público remarcou ademais que se trata dun asunto complexo porque, entre outras cousas, as ondas longas considéranse no deseño do abrigo dos portos desde hai poucos anos e a dársena interior de Malpica data do ano 1952. Por iso, os técnicos de Portos de Galicia visitaron o porto malpicán en días de temporal para observar o comportamento da comporta e a contorna da dársena así como a toma de datos, tralo que o Executivo galego xa ten en marcha varias actuacións na busca dunha solución.

Susana Lenguas lembrou tamén que, tralo accidente rexistrado neste peirao a finais de 2018, Portos de Galicia mantivo reunións coa confraría de pescadores local, coa familia do falecido e analizou os estudos e proxectos existentes en relación co abrigo do porto co obxectivo de aprobar as medidas máis adecuadas para evitar novos incidentes no futuro. Na actualidade estase a realizar un estudo preliminar sobre a orixe do problema, esas ondas longas, un traballo do que tamén foi informada a confraría de pescadores de Malpica.

A maiores da instalación do radar, a través de Meteogalicia inclúese no proxecto MarRisk un estudo para a análise das ondas longas do porto malpicán co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas. Todas estas accións, incidiu Susana Lenguas, permitirán coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica.

Estas accións servirán para clarexar os pasos a dar nas actuacións de mellora da seguridade do peirao dado que os profesionais de Portos de Galicia barallan distintas intervencións que poden ser complementarias e serán as que se analicen no estudo das posibilidades de cara a incluílas no proxecto definitivo.