- A concellaría de Educación recolle todos os anos a fin de curso as peticións de arranxos, melloras ou investimentos en todos os colexios e escolas unitarias.
Ademais das necesidades concretas de cada centro, dende o Concello atenden outras que afectan a todos, como os controis periódicos da calidade da auga, a limpeza dos areeiros ou as accións de desinfección, desinsectación e desratización, que tamén se están realizando nestas datas previas ao comezo do curso.
Obras no CEIP Fogar
Entre as obras en marcha figura a instalación do novo pavimento nun dos ximnasios do CEIP Fogar, onde o Concello de Carballo está a colaborar tamén no acondicionamento dos novos despachos da área de dirección, e nos vindeiros días instalarán novas canastras e porterías nas pistas exteriores.
A concelleira de Educación, o concelleiro de Obras e Servizos e o alcalde achegáronse este xoves ata o centro para comprobar, acompañados por membros do equipo directivo, o desenvolvemento dos traballos, que coinciden coa gran reforma que está a acometer a Xunta de Galicia, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, e que cambiará por completo un edificio que está a piques de celebrar o seu 50º aniversario.
Coa finalidade de mellorar a eficiencia enerxética do edificio tamén se renovarán ventás e persianas, ademais de substituír as antigas luminarias por outras de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza. Ao mesmo tempo colocarase illamento térmico na cuberta. Todo para reducir o consumo enerxético e as emisións de dióxido de carbono.
A maiores, a obra que financia a Xunta inclúe a renovación das carpinterías, os radiadores, o pulido do pavimento e outras melloras no interior do colexio carballés, un dos máis grandes de Galicia.