A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia de cara a facilitar a adquisición ou arrendamento de terreos no rural galego. Foi nun encontro en Cambados coa Sociedade Cooperativa Horsal para informala de como poderían empregar a norma este tipo de entidades. Así, analizáronse as posibles fórmulas nas que apoiarse para que a cooperativa tivese unha produción propia, e evitar depender de xeito único dos cooperativistas membros.
A Lei de recuperación da terra agraria, aprobada no mes de maio de 2021, alberga mecanismos e incentivos para contribuír á recuperación da maior cantidade de terreo posible. No relativo aos mecanismos, a norma inclúe os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario, para garantir a rendibilidade e a seguridade xurídica para propietarios e destinatarios, xunto cos procedementos ordinarios de arrendamento a través do Banco de Terras e a posta en marcha do Banco de explotacións.
Esta normativa busca establecer orde no uso das terras de carácter agroforestal mediante a posta en marcha do Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o uso das terras no momento da súa elaboración e servirá de base para a planificación das actuacións do conxunto dos órganos das administracións públicas, así como das entidades públicas ou privadas interesadas en todo o referente á ordenación e xestión de usos das terras agroforestais. Finalmente, Santé recordou a creación prevista na Lei de recuperación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que tratará de facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais.