A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou en Ribeira na presentación da terceira edición do proxecto Re-Mar, unha iniciativa impulsada pola asociación Amicos co obxectivo de reducir os residuos mariños a través da recollida, tratamento e prevención da súa xeración mediante a colaboración da cidadanía e o sector pesqueiro. “Moito temos mudado nos últimos anos na nosa relación co mar e boa mostra dese cambio é este proxecto que emprega á poboación local para reforzar a coordinación entre os sectores máis estreitamente ligados co mar”, destacou a representante da Xunta. Re-Mar botou a andar no 2019 e, nesta terceira edición, a iniciativa pretende incidir nos danos colaterais que sofren as especies mariñas que habitan na Rede Natura 2000, derivados do impacto de residuos como os aparellos de pesca, os restos de hidrocarburos, as cabichas ou os ruídos das embarcacións recreativas. O proxecto Re-Mar III desenvólvese en toda a costa do arco atlántico galego, centrándose en aqueles puntos de especial conservación como o Parque Nacional, o complexo litoral de Corrubedo, o esteiro do Miño e o litoral da Guarda, o complexo intermareal Umia-O Grove, a Costa da Morte e o Parque Natural das Fragas do Eume.
38