O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na inauguración da Barcelona Wine Week, que se celebrará deica o mércores e conta coa presenza de 25 bodegas galegas. Ademais, a Axencia contará cun espazo no que se poderán degustar os viños, augardentes e licores premiados nas Catas de Galicia 2022, que estará atendido por persoal técnico do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria.
As bodegas estarán agrupadas por denominacións de orixe, cun espazo propio para Rías Baixas e outro para Ribeiro. O resto das empresas que teñen referencias en varias denominacións de orixe estarán agrupadas na mesma zona. Na mesma área, estarán situados os postos dos consellos reguladores de Monterrei e Valdeorras, que acoden á feira cun espazo propio tamén.