PP de Vimianzo | “Buscamos solucións e non titulares de prensa”

1 minutes read

Malestar no PP de Vimianzo ante as acusacións verquidas en prensa polo ex rexedor Manuel Antelo, quen culpabilizaba á formación liderada por Raquel  Rodríguez Amigo de impedir cos seus votos axudas ao empresariado con cargo ao remanente do Concello.  

“Antelo minte e faio sabendo que o que di é unha mentira” porque “os cartos non se entregarían este ano senón o vindeiro e, ademais, a súa proposta conta cun reparo negativo de Intervención”, declara Rodríguez, quen califica de “mentiras” as palabras de Antelo de que o PP non quere apoiar economicamente ao empresariado local. “A realidade é que o que nós dixemos no pleno deste pasado venres  foi que, nestes momentos, xa hai diversas axudas, tanto da Xunta como do Goberno Central, e que o mellor sería gardar eses cartos para máis adiante e, en caso de que fosen necesarios, poder usalos entón e non como agora, que as distintas axudas se solapan unhas con outras”.

Apoio económico local   

“O importante é que os empresarios de Vimianzo poidan contar con eses cartos do remanente municipal caso de precisalos e, se gastamos todo agora, cando outras administracións están ofertando distintas liñas de axudas ás que se poden acoller, logo non haberá cartos para poder axudalos”, coclúe Amigo.