A Oficina Técnica da Seca da Xunta activou a declaración de prealerta por escaseza de auga moderada no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na bacía do río Anllóns e costa da Coruña ata o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu a primeira xuntanza do verán da Oficina Técnica da Seca, na que participan, xunto aos técnicos de Augas de Galicia, representantes de Protección Civil, de Meteogalicia e da Consellería do Medio Rural.
A Oficina Técnica da Seca confirmou que a situación do resto dos sistemas de abastecemento da Demarcación Hidográfica Galicia-Costa, de competencia da Xunta, presenta niveis de normalidade.
A ocupación actual nos encoros de abastecemento de Galicia-Costa, a data 17 de xullo, é do 86%. A directora de Augas de Galicia animou a manter de xeito xeral as medidas de uso responsable da auga para preservar e garantir este recurso natural.
Teresa Gutiérrez explicou que a situación actual na Demarcación Galicia-Costa non se corresponde cun estado de seca, se ben algúns sistemas empezan a mostrar certas debilidades que fan preciso esta declaración de prelaerta por escaseza.
En concreto a declaración de prealerta no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na bacía do río Mero, Arteixo e ría da Coruña, prodúcese por atoparse a ocupación por debaixo da media dos últimos anos, situándose na actualidade a un 69%. Augas de Galicia traballará co xestor dese sistema de abastecemento para facer seguimento da situación. A directora de Augas de Galicia explicou que existe a posibilidade alternativa de utilizar as reservas de auga do lago de Meirama no caso de ser necesario, o que significa que o abastecemento está garantido.
No caso do sistema de explotación do río Anllóns, a declaración de prealerta por escaseza obedece á baixada dos niveis de caudal fluínte.
A directora de Augas de Galicia, indicou que a Oficina técnica da Seca tamén a declaración de prealerta de escaseza para activar as medidas equivalentes no subsistema de Baiona polo actual volume encorado (77%), tendo en conta que é un encoro de pequeno tamaño e á vista da situación meteorolóxica e do aumento da poboación estival na zona.