- Desde o pasado 4 de decembro rexistráronse 5 positivos, e outros 5 están en corentena
A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do IES Fin do Camiño de Fisterra móstrase moi preocupada ante un gromo por Covid-19 no centro. Hai 5 persoas positivas e outras 5 en corentena desde o pasado día 4 de decembro, aseguran desde a asociación.
O instituto pide que interveña Sanidade e realice un cribado a todo o alumnado, pero desde a ANPA destacan que a Consellería «négase por considerar que os positivos non teñen relación entre sí», polo que dubidan de que o contaxio se iniciase no centro. Aínda así, a asociación continuará presionando para que a Consellería «faga o seu traballo xa».
Ante esta negativa, a ANPA aconsella que os rapaces non acudan ás aulas a non ser que sexa estritamente necesario, como pode ser a realización dun exame, ao considerar que «nestes días se darán máis contaxios».